I CONCURSO PERSPECTIVA DE GÉNERO
Desde o Conservatorio Superior de Música de Vigo queremos dar a coñecer a convocatoria do I Concurso aos mellores Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Máster (TFM) con perspectiva de xénero, unha iniciativa destinada a recoñecer e poñer en valor aqueles traballos académicos que incorporen de maneira significativa, fundamentada e rigorosa a perspectiva de xénero no ámbito da investigación musical.
Con esta iniciativa pretendemos fomentar a igualdade efectiva entre mulleres e homes na educación superior e na investigación musical, impulsar o pensamento crítico arredor das desigualdades e dos nesgos de xénero e contribuír á visibilización das achegas das mulleres á creación, interpretación, investigación, pedagoxía, xestión e difusión da música.
Establécense dúas modalidades:
Modalidade A: Premio ao mellor Traballo Fin de Grao (TFG) con perspectiva de xénero.
Modalidade B: Premio ao mellor Traballo Fin de Máster (TFM) con perspectiva de xénero.
Poderán participar os traballos que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria:
TFG defendidos e superados durante o curso académico 2025-2026.
TFM defendidos e superados entre os cursos académicos 2023-2024 e 2025-2026, ambos inclusive.
Cada modalidade contará cun premio que incluirá un diploma acreditativo e un lote de partituras de compositoras, coa colaboración de Dos Acordes.
Prazo de presentación de solicitudes: do 1 ao 9 de decembro de 2026, ambos inclusive.
As solicitudes deberán presentarse en formato físico na Administración do Conservatorio, acompañadas da documentación indicada nas bases.




